imprimir

INFORMACIÓN SOBRE A ORIXE DESTE PROXECTO

Autora: Peruchela

Esta páxina empezou a conformarse no ano 2004, recentemente retornada da cidade, á que emigrara con pouco mais de deceseis anos. Aquel nadal comecei a recoller información tradicional dos costumes rurais galegos tomando as fotografías da matanza tradicional daquel ano.

No 2005 realicei unha guía da horta galega para saber que sementar, cando e como cultivar un pequeno anaco de terra para producir para autoconsumo.

É no ano 2008 cando compro o primeiro dominio para este proxecto, aldeasgallegas.com. En 2011 o dominio en galego, aldeasgalegas.com.

A súa programación inicial en html desenvolveuse ata 2015 cando me decidín a progresar e non perder todo o traballo que desenvolvera ata ese momento.

Implementei unha base de datos e un xestor de contidos. Os continuos avances da informática e as aplicacións Web, fan que a aparencia se transforme adaptándose ás novas versións de PHP , Bases de Datos e Xestores.

Este proxecto supuxo e supón un gran esforzo tanto económico como persoal. Está realizada na súa totalidade por min, e os seus contidos son en máis dun 90% xerados tamén por min, que realizo as actualizacións e mantementos tanto informáticos como gráficos e textuais.

Tiven que seguir formándome e  realizar o ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Web.

Moitas persoas coñecen o funcionamento e a dinámica da páxina por ser visitantes habituais pero si es un novo visitante tes que ter en conta algúns detalles do funcionamento.

O meu principal obxectivo e poñer nesta Plataforma páxinas relacionadas con Galicia, eventos realizados e a evolución das tradicións, desde un punto de vista persoal e rural.

A preocupación polo futuro das xentes que habiten nestas terras é unha inquietude constante no meu pensamento Ver esborrallarse casas e aldeas enteiras, presenciar o exterminio de árbores singulares, de animais silvestres, observar o imparable abandono das terras de cultivo tan ricas como as de Galicia, isto e moito máis faime sentir unha gran fustración por non poder facer nada máis para que as políticas non exterminen a raza, a terra, o fala e a pouca FE que nos queda a algunhas.