San Martiño eiquí e aló, o patrón oficial da Matanza do Porco en Galicia.

Refráns

  • Polo San Martiño, castañas e viño.
  • Castañas, noces e viño fan a ledicia do San Martiño.
  • As castañas que despois do San Martiño quedan no souto, son do moucho.
  • No San Martiño bebe viño e deixa auga pró muiño.
  • Con castañas asadas e viño novo xa non morre o pobo.
  • San Martiño, vai ó magosto e mata o porquiño.
  • Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai viño ruín.
  • No día de San Martiño, abilla o teu viño.
  • Despois de San Martiño vén o inverno de camiño.
  • Polo San Martiño, mata o porco e proba o viño.
  • O verán de San Martiño son tres días e máis un pouquiño.
  • Polo San Martiño, mata o teu porquiño.
  • A todo porco lle chega o seu San Martiño.
  • O veranciño de San Martiño, ou grande ou pequeniño.
  • Polo San Martiño, andan as noces a roliño.
  • Polo San Martiño faise o magosto, con castañas asadas e viño.

sanmartino

A Matanza do Porco    A comida nas matanzas

Consérvase na nosa rexión esta ancestral costume de sacrificio animal para autoconsumo aínda que parte da sociedade actual nos tache de asasinos, ou de maltrato animal. Moitas persoas xulgan  como unha barbarie dita tradición pero  de sobras é sabido por todos cales son as auténticas barbaries desta civilización humana. 

É doado comprender  por que hai cada día máis xente vexetariana, ou extremista como os veganos.  O novo modelo de macro-granxas promovido dende grandes empresas non contempla o benestar animal máis que de cara ao escaparate.

Ata os máis amantes dos chourizos lles da intención de deixar de comer carne. Oxalá puideramos volver a vivir cos animais como outrora, criándoos con mimo e dedicación. Compre lembrar que ata os anos setenta  a liberdade destes era patente pero foi minguando lustro a lustro ata a situación de hoxe,  onde dita liberdade de vida non existe e onde a súa animalidade desaparece ata converterse nun Ser produto.

Recapitulando

Ata os primeiros anos dos 80 do século XX existían as feiras de animais e os aldeáns levaban  ou ían a mercar algúns. En todas as aldeas había porcas parideiras. A profesión de capador existía e desenvolvía un quefacer tan indesexable como necesaria para que a carne dos machos non tivera sabor a bravío. Ter os cochos soltos nunha finca ou levalos a comer landras ou castañas ás devesas e aos soutos  fora durante centos de anos o tradicional.

Na actualidade mércanse o 99% dos cochos das matanzas galegas en granxas e remátanse de criar na casa. Grazas a isto esa parte rescatada dunha existencia que non tería transcendido recobran unha parte de vida, comen patacas, verzas, cabazos, remolacha e millo  durante 3 ou 4 meses ata antes do sacrificio.

No 2020 O Covid, marca un antes e un despois na sociedade mundial. Un freo imposto, quizais necesario,  fai repensar o modelo que se está implantando e que derivaba cara o exterminio do Planeta.  Neste 2021 observamos que o parón fixo espertar conciencias pero o rumbo  cara o colapso continua xa que as medidas para mudar as tendencias tóxicas non foron polo de agora implementadas.

Despois do confinamento moitas persoas deciden retornar ao mundo rural pero o relevo xeracional das súas ancestrais tradicións continúa esvaecéndose. A mortalidade dos maiores, a escasa natalidade e a teima dos máis novos en emigrar a vilas máis grandes, cidades e a países estranxeiros confirman a tendencia. 

Moitas aldeas están deixando de estar habitadas ao extinguirse ese derradeiro bafo que a sostiña. Noutras onde antes eran centos agora son decenas, maiores para traballar nesta ou noutra costume que requira forza, destreza e habilidade, o que eles xa perderon. A realidade e que ás familias con poucos membros non lles compensa seguir con esta tradición que resulta moi cara e traballosa. Os que se foron están lonxe e cada vez teñen menos interese nos produtos da matanza da casa,  xa que outro tipo de viandas forman parte da súa dieta. Pouco a pouco se vai esquecendo o sabor da aldea.

Os que viñeron ás aldeas neste primeiro ano Post-COVID, na maioría, non son galegos e non se relacionan cos veciños actuando como si vivisen na cidade atendendo cada un ao seu,  sen participar nas costumes do noso pobo.  Os noso fillos emigran menos porque xa que non os temos.  Os que levan décadas fóra, e son vellos, no alén choran e non queren vir ver o sitio onde naceron e se criaron pola mágoa de saber do seu abandono ou simplemente porque non poden.

Galicia,  a envexa das outras rexións de Europa por contar cun bo clima e con terras e mar dos máis produtivos, está sendo o gran lugar esquecido. Todo foi encamiñado ao seu abandono. As canles de produción e distribución dos alimentos agrarios, sostén de vilas e cidades, están orquestrados por multinacionais que exercen unha explotación animal e laboral sen escrúpulos. Macro-granxas onde o producido ou llelo das polo que che paguen ou non tes a quen venderllo. Conscientes de esa arma, pagan o xustiño para o seu sostemento e ata que lles interese e  mudando o tipo de animal de produción en función do mercado.

A manipulación xenética nos animais converteuse nunha práctica habitual e as razas orixinais xa son case inexistentes. Temos problemas para atopar animais xenuínos.

Outono en Galiza

libros