O ATAQUE DAS FORMIGAS
Ata o século XX os sucesos transcendentais ocorridos no territorio eran transmitidos por tradición oral, a carón da luz do lume das lareiras.
Non coñecemos como se chamaba daquela este Castro sito preto da actual Pobra do Brollón, pero probablemente o nome de hoxe lle ven do que alí aconteceu fai máis de dous mil anos. Daquela os asentamentos castrexos salpicaban o territorio porque estar preto uns de outros permitíalles unha mellor interelación, en determinadas épocas do ano relacionadas coa caza e a recolección; circunstancias precisas de festexos, unións ou auxilio. Cada un destes poboados estaban conformados por varias ducias de familias sendo o desta lenda dos máis concorridos, atribuíndoselle máis dun cento de familias. Camiño de paso dos que viñan das Montañas cara a terra Chá, aldea de troco e alterne.
Todo escomenzou nunha das vivendas do asentamento e pouco a pouco foise estendendo a todas e cada unha delas. Contaminaron os víveres ao andar por riba deles, mordían aos nenos e causábanlles feridas e infeccións, o seu tamaño multiplicaba por dez o dunha formiga actual.
Así pasaron días, semanas e meses e a praga ía en aumento. Pronto comezaron a morrer das infeccións os máis febles. Intentaron por todos os medios paralas, discorrendo mil e unha maneiras para elo, sen conseguilo. Contan que chegaron a labrar canais e ata un foxo ao redor do asentamento onde intentaron afogalas sen éxito.
A solución foi o éxodo e abandono do poboado. Os superviventes repartíronse entre os castros colindantes e transmitiron a historia de medo que naqueles meses pasaron ao verse atacados e vencidos por unha gran praga de formigas depredadoras.