A HORTA EN MAIO
Neste mes do ano cóidase en xeral moito a horta sacándolle as malas herbas e acochando a terra, imprescindible nas patacas, na remolacha e no millo.
Seméntanse as fabas altas, séguense trasplantando leitugas, pementos, cabaciñas, acelgas, remolachas, cogombros....
Poñer as guías aos tomates é outra labor de maio, se aínda non o fixeches, xa que empezan a ter o tamaño idóneo para comezar a atalos.
No referente ás parras ou viñedos cando agruman os acios empézanse a aplicar as primeiras mans de xofre e sulfato. Ter os viñedos estrados evita que salian as malas herbas, dalle frescura á terra e evita que botemos herbicidas que non lle fan ben as cepas.
En maio temos colleita de fabas lobas, espinacas, chícharos, tirabeques, fresas e cereixas de cedo.
+ COUSAS
O 3 de maio é a Santa Cruz, data moi sinalada no calendario hortícola xa que á xeada que acostuma vir por este día témeselle polo gran derramo que fai. Axean patacas, vides, tomates e en xeral todo o que está tenro no exterior trasplantado; por iso a protección aos tomates ténse que manter ata ben pasada a data.
En canto aos pementos non será ata despois do 17 de maio que se poñerán trasplantados á horta.
Hai a costume de poñerlle unha ramiña de loureiro espetada na terra ao seu carón para que lle de sombra e o excesivo sol non os derrame.
En Galicia temos moitos tipos de pementos. Arnoia, Ourense e Padrón son localidades que lle dan nome ás variedades. Tamén cultivamos pementos italianos e morróns.
En canto ás leitugas acostúmase a ter na horta tamén todo tipo de variedades. Orella de Mula ( ideal para o caldo galego ), marabilla, riza e de folla de carballo, moi de moda nos últimos anos.
Para protexer as prantas das alimachas (babuxas) e caracois convén poñerlle ao redor cal viva para que non poda acceder a elas.
Recomendamos usar a cinza sobrante da cociña de leña, que fomos gardando en sacos no inverno, para aboar e protexer os cultivos hortícolas.
A finais de mes xa sacamos as leitugas e os tomates das botellas ou os protectores. O liño xa está florido.
Os morteiros de coias e allo porros están medrando para transplantarse no vindeiro mes.
Maio é o mes onde máis se ve medrar a horta, en apenas 20 días pasamos de ver nacer as cousas a estar en esplendor.