Publi-Reportaxes

XVI Feira Tradicional Outrora 2018

Written by Peruchela. Posted in Reportaxes

Presentación da Feira 2018 Cartel Gañador

Valoración: 5 / 5

Star activeStar activeStar activeStar activeStar active
 

Rubián - Bóveda 2018

XVI Feira Tradicional Outrora

O cartel presentado co lema: "Zoca Contemporánea Reinventando o tradicional" por Sheila Pérez González, deseñadora de interiores de Monforte que rexenta o estudo Espazo Nu, foi o gañador do VII concurso de carteis para ser imaxe da XVI edición da Feira Tradicional Outrora de Rubián - Bóveda, celebrada o 14 de xullo.

Nesta edición puidéronse ver varios postos de artesanía en costura, polo menos tres oleiros, un fragueiro, un canteiro e un ferreiro. Marroquinería, talla en cristal e posto de instrumentos musicais artesanais galegos. Integrantas da asociación Bolboreta exhibiron ás novas xeracións como outrora fiaban a la ou preparaban o liño. Coa súa reliquia de tear asistiu Natividad Chaos de Portela, Samos, quen este día pon á venda os traballos que realiza nel ao longo do ano. Fulares, chales de liño, algodón ou ambos. Acompañando ao tear, ferramentas do proceso do liño tan habituais fai un cento de anos, distintos aparellos clásicos de cociña de antigas lareiras, distintos xugos do gando e varias lámpadas de iluminación antiga, non tan doadas de admirar en conxunto na actualidade.

Roscas de Sober, marmelo e queixos artesáns déronse cita nesta consolidada celebración do tradicional. A aceptación destes produtos entre o público asistente fai que se esgoten as existencias en poucas horas.

Este ano na carpa situada no centro do campo actuou a Banda de Música de Foz para deleite dos asistentes que puideron gozar da interpretación de varias obras ata que chegou a hora do xantar.

Na concentración de vehículos antigos puidéronse ver algúns coches clásicos de finais dos sesenta ata principios dos oitenta e tamén dúas motos que veciños do concello achegaron para exhibir no lugar.

O bo tempo acompañou ao longo de toda a xornada aínda que momentos antes da malla tradicional as tormentas ameazaron con impedir a representación. Afortunadamente, púidose celebrar vivíndose grandes momentos de confraternidade entre os participantes e gargalladas entre os asistentes en numerosos momentos nos que se intentaron levar a cabo fazañas de poderío por algúns. Nesta malla participan entre outros, membros do equipo de goberno do concello. O alcalde, José Manuel Arias, é un dos que cada ano traballa con máis entusiasmo. O equipo da malla distínguese pola súa vestimenta ao estilo tradicional, con chapeu de palla, pantalón de pana, camisa a cadros e ata algún con zoca.

 

Mini-vídeo resumo.

 Video cortesía de Peruchela.

E para rematar, engado a participación dalgún consolidado anticuario, dun muiñeiro de pementa que triunfou ofrecendo este produto moído ao instante ao público, que se quedou impresionado pola elaboración do produto. Había cesteiros, entre eles algún ourensán que a moi bo prezo púxoos a disposición de todos. Postos de libros, de tallas en madeira e de xoguetes tradicionais. Posto de artesanía para decoración, lousas pintadas a man con motivos tradicionais, pendentes, chaveiros e pulseiras en coiro e moito, moito máis que durante medio día conviviu coa feira de sempre e que a partir da tarde permaneceu ata a hora da malla.

 

 GALERÍA FOTOGRÁFICA

Enlaces a vídeos

12:30 h. Actuación Banda de Música de Foz
20:30 h. Recreación etnográfica da Malla


Enlace relacionado Enxebre WEB

Tags: Feira Tradicional, Oficios antigos, Festa de Escuma, Isco No Guizo

imprimir