A+ A A-

O Fotógrafo

A PROFESIÓN DE FOTÓGRAFO

Si observan as fotografías familiares dos nosos conveciños feitas entre os anos 50 e 70 poden apreciar como pais e fillos enfúndanse en luxosos traxes e incluso as mulleres mostran bonitas xoias. Normalmente eran montaxes realizados por algún dos fotógrafos da comarca. Naquela época a fotografía era moito máis que plasmar as imaxes da realidade, a fotografía era a creación dun entorno, dunha aparencia de benestar que en moitas ocasións pouco tiña que ver coa realidade daqueles anos. A nosa comarca así como outras do sur de Lugo e norte de Ourense, contou co fotógrafo Fernando E. Rguez. Salgado, de Ver- Bóveda. . E como sempre ocorre na nosa rexión o seu oficio mereceulle un apodo e o nome para referirse a súa casa. Foi coñecido sempre como “o fotógrafo” e a súa casa pasou a ser a casa do “fotógrafo de Ver”. Este era o verdadeiro arte de Fernando Rodríguez Salgado. Era ademais un traballo que lle facía sentirse orgulloso e co que inmortalizou as vidas de moitísimas familias.


BIOBRAFÍA DO MEU AVÓ 

FERNANDO EDUARDO RODRIGUEZ SALGADO

(Fotógrafo 1922-2006)

Fernando E. Rodríguez Salgado nace o día 13 de maio de 1922 en Ourense.

A súa vida está marcada por o feito de ser abandonado diante dun orfanato, nunha cesta que contiña un papel no que figuraba o seu nome, apelidos e algúns cartos.

Foi criado en San Facundo, O Carballiño, por unha muller viúva que percibía por elo una paga do estado, cartos cos que tamén pagaba a crianza dos seus catro fillos naturais.

O cumprilos 15 anos diríxese a Pontevedra (Marín) cunha recomendación para ingresar na academia militar e recibir unha formación, pero antes de chegar o seu destino un amigo convénceo para alistarse no exército e vaise axudar nas cociñas dos campamentos dos batallos nacionais. Estivo en Burgos, Teruel, Zaragoza e na toma de Madrid.

É no ano 1943 cando se traslada definitivamente a Ver, Bóveda (Lugo) tras contraer matrimonio con Dña. Filomena García Rodríguez oriúnda do lugar.

Nunha época de tanta pobreza en Galicia e seguindo os pasos de tantos coetáneos, decide marcharse o Novo Mundo emigrando a Venezuela en busca dunha fortuna para a súa nova familia.

Logo dunha dura travesía en barco atravesando o charco, chega o seu destino sen saber ler nin escribir e coa acuciante necesidade de buscar un traballo honroso co que lograr os seus obxectivos, comeza unha rápida incursión no mundo da fotografía. Así aforrando moeda a moeda logra montar os seus propios estudos fotográficos. Realiza ampliacións e fotografías en todo o territorio conseguindo en pouco tempo os cartos suficientes como para regresar a ver a súa dona e fillos en varias ocasións e para construír a casa da súa propia familia. Marcado polo abandono que de seus pais tivo o nacer, a súa vida non deixou de ser nunca, máis que, unha busca constante desas orixes e unha gran mágoa pola súa nenez. Gran amigo dos animais, mantiña con eles unha relación de respeto, o igual que co resto dos seres co acompañaron o longo da súa vida. Gran créente, serio e carismático, o chegar de Venezuela sigue facendo traballos fotográficos de gran calidade tanto para xente importante, como tamén para toda esa xente humilde que se cruza no seu camiño abarcando a gran maioría dos pobos do norte de Ourense e sur de Lugo.

No baixo da súa casa construíu o seu laboratorio fotográfico. Desenvolveu a actividade de fotógrafo en exclusiva ata 1975, dende entón compaxinouna coa de anticuario. Nos seus recorridos por os pobos había detectado a posibilidade de comprar obxectos antigos (vasixas, reloxos, moedas…) e vendelos a tendas e maioristas. Este último oficio acompañaríao ata os últimos anos da súa vida profesional e sen dubida mostraba tamén o talante emprendedor e creativo de Fernando. Nos seus inicios no mundo da fotografía, finais dos anos 40, recorría as aldeas cunha bicicleta, máis tarde xa nos 60, cunha moto Vespa, cun Gogomóvil e por último e xa como anticuario cun Renault 4, que mantivo en perfecto estado hasta los últimos días da súa vida. En Xaneiro do 2003 morre Filomena, o seu gran amor e fiel compañeira coa que compartiu alegrías e tristezas durante máis de medio século.. Froito deste matrimonio naceron catro fillos, morrendo o primeiro o pouco de nacer.

Os outros tres, Fernando, Neves e Antonio , como seu pai, souberon avanzar na vida honrosamente e coa fronte alta. Dende este momento, a morte da súa esposa, só desexaba deixar tamén este mundo para ir con ela. A súa vida dende entón era de recordos, rompéndolle o alma a quen sentía a súa profunda tristeza, consecuencia da perda do ser máis querido. Tan só tres anos despois o espírito abandonoulle o corpo, morrendo o seu corazón coa enorme pena de non haber conseguido saber quen foran seus pais e coa esperanza de reencontrarse na “outra vida” coa súa esposa, a persoa que máis amou neste mundo.

 

 

 

  

PROXECTO TERRA - MAPAS

PROXECTO TERRA